Saturday 18 de May de 2024

Ortigueira pacta coa Xunta a reforma e ampliación das pistas de pádel para “acabar cos problemas do Club de Pádel”


• O vicepresidente autonómico, Diego Calvo, garantiu ao alcalde, Valentín Calvín, unha partida para que a instalación deportiva alcance os requisitos que permitan ao club competir nelas.

• O Concello de Ortigueira tamén se asegurou o compromiso de estudar a instalación dunha bancada móbil no campo de San Claudio para cumprir “unha demanda histórica”.

O alcalde de Ortigueira, Valentín Calvín, reuniuse o pasado venres co vicepresidente da Xunta de Galicia e conselleiro de Deportes, Diego Calvo, nun encontro no que se alcanzou un compromiso de investimento no complexo de pádel ortigueirés.

Durante o encontro, o vicepresidente autonómico asegurou ao primeiro edil de Orrigueira que a Xunta reservará a partida necesaria para que a instalación deportiva alcance os requisitos que permitan ao Club de Pádel Ortigueira competir nela de maneira oficial e, así, “acabar cos seus problemas”.
“Evitaríase que os deportistas teñan que desprazarse cada fin de semana a Ferrol, co consecuente esforzo económico que iso supón. E ademais, potenciaría a xeración dun maior clima deportivo na nosa localidade. Non ten sentido que un club que leva o nome de Ortigueira non poida representala na súa casa”, lamenta o rexedor, Valentín Calvín.

Os requisitos federativos establecen que o recinto de competición estea composto de, polo menos, tres pistas. Ademais, todas elas deben estar cubertas. A día de hoxe, Ortigueira tan só conta con dúas pistas, na Rúa Castelo, anexas á Piscina Municipal. A maiores, esta instalación non conta con cuberta.

Unha vez a Xunta garantiu o seu compromiso de investimento, o Concello estuda a fórmula para executar a mellora, pois o espazo no que se atopan as pistas é de dominio de Costas do Estado. #Ante a ausencia de permiso por parte da entidade estatal, unha solución podería ser a desafectación dos terreos. Outra, a construción desde cero dunha nova instalación noutra localización que non requira o visto e prace do Goberno nacional.

Unha bancada no campo de fútbol
A maiores, o alcalde tamén expuxo ao responsable galego de Deportes as necesidades do campo de San Claudio a nivel loxístico. A máis importante é instalar unha bancada no complexo deportivo, un feito que acabaría coa “demanda histórica” dos familiares dos deportistas e do propio Ortigueira FC. A pesar de que o terreo tamén se atopa baixo o dominio de Costas, o feito de que a bancada fose de tipo móbil e non construída permitiría evitar a longa burocracia á hora de solicitar permisos e esperar á súa concesión.
Neste sentido, Calvo tamén se comprometeu a estudar a posibilidade de colaborar co Concello de Ortigueira no financiamento desta instalación. A maiores, os representantes de Xunta e Concello acordaron concretar proximamente data para que o vicepresidente acudise a Ortigueira co obxectivo de comprobar de primeira man o estado do resto de instalacións deportivas municipais e acordar, se é preciso, intervencións para a súa emendar posibles deficiencias ou desenvolver melloras.